Presentamos “O Histérico Latexo”

Espero que esteades todos preparados, entrada en man e coas orellas despexadas, para o que vos agarda esta fin de semana, porque despois de moito traballo e dunha longa, longa espera… XA TEMOS NOVO DISCO!!!

O noso pulso vai histérico de impaciencia e emoción porque queremos amosárvolo xa! Por iso, este sábado día 14 estaremos no Teatro Principal preparados para presentarvos “O Histérico Latexo”. Un espectáculo presentado polo actor Carlos Blanco, e no que ademais dos novos temas agárdavos máis dunha sorpresa.

Para conseguir unha entrada antes de que se esgoten (que o Teatro é Pequechiño), podedes pasarvos por Peggy Records, Grándola, Livraría Torga ou no Auriense.

Deica!

Agardando polo Histérico Latexo

Pouco falta xa para poder ter nas nosas mans o disco “O Histérico Latexo”, no que levamos traballando intensamente os últimos meses.

Un grandísimo acontecemento para nós! Xa comezaron a soar as bombas de palenque que anuncian a festa que se achega. Rebentou a primeira en Xinzo con gran estrondo,  a segunda en Celanova esta pasada fin de semana, e ídevos preparando para as que veñen… Se queredes saber onde caerán podedes consultar a nosa páxina de próximos concertos.

Achegádevos se queredes escoitar de preto este Histerico Latexo.

De Esmorga na Praza Maior

Cartel EBA 5.0Unha vez máis estaremos recordando a un dos grandes escritores que pariu esta cidade nosa, Eduardo Blanco Amor, e en concreto a súa obra “A Esmorga”.

O espectáculo que nos agarda será moi similar ao que xa puides ver no Auditorio Municipal en decembro. Desta, o lugar escollido é a Praza Maior, e de compañeiros de escenario temos a Animales Domésticos, a Banda Municipal de Ourense, a Banda Ourensons, Burgas Beat, Gomes Mouro, Magritte, María do Ceo, Perqtores, Sólidos Galicianos e O Sonoro Maxín.

Seguide ós cabezudos que andarán a ruar este xoves pola ruta da Esmorga ata a Praza Maior e quedádevos con nós das 23:00 á 1:00 para disfrutar de todo o que o Festival EBA 5.0 nos ten preparado.

Compartir

Dez Primaveras en Ourense

Cartel Xira Dez Primaveras en OurenseRemata maio e a Xira Dez Primaveras chega ao seu fin. E non podía acabar sen pasar por Ourense. E é que en nengún sitio como na casa! Por iso queremos celebralo ao grande.

Xa está todo a punto para que comece a festa… Acompañarannos na noitiña os Perqutores para entrar en calor, e por se iso non é dabondo, podedes tamén achegarvos á barra a por un pouco do licor café e bica que se servirán de balde (ata fin de existencias, larpeiros!).

Se o tempo acompaña, vémonos esta noite ás 22:30 na Praza de San Marcial (onde o Grándola). Ata loguiño!

Compartir

Xira Dez Primaveras

Cartel Guezos Xira Dez PrimaverasUn ano máis, coa chegada da primavera, bótámonos á estrada cos trebellos todos ó lombo coa intención de levar a nosa música a todos os recunchos desta terra galega. Baixo o nome Dez Primaveras, esta xira “indoor” contará con nove destinos que repartidos entre os meses de abril e maio.

O listado completo dos concertos e todos os seus detalles podedes consultalos na nosa sección de Concertos.

Animádevos e achegádevos a pasar con nós unha noitiña. Prometemos sorprendervos coas nosas últimas creacións.

|

|