“O Festival Reperkusión, que se celebra este ano do 10 ao 12 de maio na Cidade dos Muchachos de Bemposta, en Ourense, abriu parte da súa programación á escolla do público. Tratábase de que a través de Facebook os seguidores do festival elixisen tres grupos entre os 39 que se presentaron á convocatoria de artistas. E a resposta foi tan positiva, que o festival decidiu incorporar aos catro grupos máis votados, que conseguiron cada un deles máis de 1.200 votos. Son os ourensáns Guezos, creadores dunha música heteroxénea que parte do folk; os tamén galegos Skarallaos, un grupo de xente moi nova cun directo enérxico que eles chaman “punkizaxe”, os asturianos La Tarrancha, que mesturan ritmos xamaicanos con letras reivindicativas en lingua asturiana, e os barceloneses Rimbarán, responsables dun son divertido que denominan “rimba”. Únense a un festival no que destaca a presenza de Manu Chao e Fermin Muguruza, cabezas de cartel.”
Categoría: Do directo
Guezos Enrede
O día 10 de xuño, paramos no Auriense para dar un concerto que foi gravado para o programa Enrede, cousa que puideron comprobar todos os asistentes que se tiveron que acomodar entre a grúa e as cámaras que ocupaban o local. Na primeira tempada deste programa que se estreará despois do verán, participarán 13 grupos galegos. Aquí tedes o trailer do que será Enrede.
Enrede Trailer de Casa de Tolos en Vimeo.
Presentamos “O Histérico Latexo”
Espero que esteades todos preparados, entrada en man e coas orellas despexadas, para o que vos agarda esta fin de semana, porque despois de moito traballo e dunha longa, longa espera… XA TEMOS NOVO DISCO!!!
O noso pulso vai histérico de impaciencia e emoción porque queremos amosárvolo xa! Por iso, este sábado día 14 estaremos no Teatro Principal preparados para presentarvos “O Histérico Latexo”. Un espectáculo presentado polo actor Carlos Blanco, e no que ademais dos novos temas agárdavos máis dunha sorpresa.
Para conseguir unha entrada antes de que se esgoten (que o Teatro é Pequechiño), podedes pasarvos por Peggy Records, Grándola, Livraría Torga ou no Auriense.
Deica!
Agardando polo Histérico Latexo
Pouco falta xa para poder ter nas nosas mans o disco “O Histérico Latexo”, no que levamos traballando intensamente os últimos meses.
Un grandísimo acontecemento para nós! Xa comezaron a soar as bombas de palenque que anuncian a festa que se achega. Rebentou a primeira en Xinzo con gran estrondo, a segunda en Celanova esta pasada fin de semana, e ídevos preparando para as que veñen… Se queredes saber onde caerán podedes consultar a nosa páxina de próximos concertos.
Achegádevos se queredes escoitar de preto este Histerico Latexo.
De Esmorga na Praza Maior
Unha vez máis estaremos recordando a un dos grandes escritores que pariu esta cidade nosa, Eduardo Blanco Amor, e en concreto a súa obra “A Esmorga”.
O espectáculo que nos agarda será moi similar ao que xa puides ver no Auditorio Municipal en decembro. Desta, o lugar escollido é a Praza Maior, e de compañeiros de escenario temos a Animales Domésticos, a Banda Municipal de Ourense, a Banda Ourensons, Burgas Beat, Gomes Mouro, Magritte, María do Ceo, Perqtores, Sólidos Galicianos e O Sonoro Maxín.
Seguide ós cabezudos que andarán a ruar este xoves pola ruta da Esmorga ata a Praza Maior e quedádevos con nós das 23:00 á 1:00 para disfrutar de todo o que o Festival EBA 5.0 nos ten preparado.