🏆 Faíscas, mellor videoclip da XX edición do Festival de Cans

“O xurado decidiu outorgar por unanimidade o premio ao mellor videoclip desta XX edición do Festival de Cans a Aitor Víctor por Faíscas, de Guezos, polo destacado do seu simbolismo, a forza cinematográfica das imaxes e a súa coherencia co son”

Que mellor día que o día das Letras Galegas para comunicarvos que o noso videoclip Faíscas resultou gañador na XX edición do Festival de Cans. Fainos inmensamente felices, non só por nós, senon por todo o grupo humano co que estamos a traballar nestes últimos tempos, que lle pon paixón, ilusión e profesionalidade a tódolos nosos proxectos e ideas delirantes, non só cando as cousas veñen ben dadas, que sería o doado, senón tamén nos malos momentos; cando as cousas se complican ese entusiasmo medra, as ideas flúen e sempre atopan solucións aínda máis creativas.
Guezos leva moitos anos nisto, con humildade, aprendendo de todo e de todos, intentando facer cousas pequenas, bonitas, con cariño e ao noso xeito, con algún acerto e, de seguro, moitos erros, pero con corazón.
Agradécese, despois de tantos anos, que o noso traballo sexa valorado, nesta ocasión, compartido con este equipo marabilloso que nos fai mellores, sen dúbida.
Mil grazas a Aitor, Ana, Lois, Alberto, etc,etc
Feliz día das Letras Galegas!

Aprazado o concerto na Sala Jagger

ATENCIÓN

Por motivos de saúde (non graves) vémonos na obriga de APRAZAR o concerto do sábado 2 Xullo na Sala Jagger.

É a primeira vez en 21 anos que temos que facer isto e lamentámolo moitísimo, por nós e pola xente afectada. Avisaremos da nova data en canto a concretemos, pero esperamos que sexa no outono/inverno.

Ata entón!

Cun sorriso sempre na boca

Hai momentos que marcan a vida dunha banda. Esta fin de semana vivimos un deses momentos na rodaxe do noso novo videoclip. Cando todo estaba en contra por unhas condicións climatolóxicas extremas nunha zona de moi difícil acceso e certas limitacións no presuposto de produción, déuselle a volta á situación dun xeito case máxico. A implicación do equipo co que traballamos foi máis aló do profesional, ata o punto de emocionar. Cun sorriso sempre na boca todo o mundo deu o mellor de si, desde os actores, que fixeron un esforzo físico e mental que rozou o épico, ata o equipo técnico, pequeno pero rebosante de talento, forza, cariño e profesionalidade. Todo o mundo fixo de todo para sacar isto adiante; o que comezou como unha fin de semana chea de medos e incertidumes, rematou como algo inolvidable onde os lazos se fixeron máis fortes e na que a familia se ampliou. Mil grazas a Aitor V, Lois, Ana, Alberto, Sergio, Emilo por formar parte deste proxecto e xa das nosas vidas. Seguirémonos vendo no camiño!