Cousas da autoxestión

Xa estamos aquí de novo! Mil disculpas a todos os que estes días intentastes entrar na nosa web e non nos atopastes. Como di o título, son cousas da autoxestión, facemos todo o que podemos, pero non somos profesionais na materia e ás veces as cousas van máis alá dos nosos coñecementos. Aínda quedan pequenos detalles por arranxar, como a desaparición dalgunhas imaxes, pero esperamos que esté todo listo en pouco tempo.

Estade atentos á páxina se queredes poñervos ao día.

2ª lesión da tempada

Dende logo, non é un bo momento para o sector gaiteiril. Se hai un par de meses tiñamos noticia de que unha lesión de nocello ía manter apartado da escea varias semanas ao ilustre gaiteiro Xabier Mortadelo, agora vemos como esta vez é Modesto a vítima dunha nova lesión, unha rotura de radio que nos privará nos próximos días de escoitar as melodías que el ben sabe ceibar do fol dunha gaita.

Para un gaiteiro de élite os obrigados paróns a consecuencia dunha lesión son duros. Insoportables mentres duran. Igual que Morta, Modesto é un loitador nato. Quere tocar. Morre por volver a tocar unha gaita. Pero de momento a súa misión é agardar.

“É moi difícil ir ver os concertos porque me dan ganas de axudar ós meus compañeiros dunha maneira moi directa“, autoconvéncese o gaiteiro, que asume o seu novo rol: “ter paciencia”.

Modesto non esquece o seu compromiso coa banda e afirma que polo de agora “o único que podo facer é axudar na parte creativa”.

Segundo o equipo médico que o está tratando, a súa reincorporación terá que agardar unhas semanas. Desde aquí desexámos que ese “unhas” sexan dúas namais e que volva a acompañarnos no directo canto antes.

Compartir