Deixádeo pasar!

Con todos vós… Pepiño Malasangre, un pequeno adianto de Zapatos Novos. Aínda que o disco ten temas moi diversos e atrevémonos a dicir que unha carga emocional potente, quixemos facer o videoclip do tema máis cachondo e desenfadado para comezar con alegría esta andaina.
RECORDADE!!
O CONCERTO PRESENTACIÓN terá lugar o sábado 23 de xuño no @CafeCultural Auriense (Ourense)
HORA: 22:30;
PREZO ÚNICO: 5€
XEITO DE CONSEGUIR AS ENTRADAS!!
1. As/Os que xa a pagastes a través dun pack do crowdfunding: entregarávola previamente o compoñente do grupo máis cercano ou, se preferides, o mesmo día haberá «lista de porta» cos vosos nomes.
2. Venda anticipada: se non tedes entrada e non queredes quedar sen ela, poderédeslla mercar previamente ao compoñente do grupo que teñades máis a man ou no Auriense. Estarán á venda tamén alí días antes do concerto
3. Método tradicional: podedes mercala o mesmo día do concerto na mesma porta, iso si, co risco de quedar sen ela, dependendo da resposta da xente.

Concerto/presentación de “Un longo camiño”

Este venres 16 de maio presentamos no Auriense “Un longo camiño”. Un EP edición limitada co que queremos celebrar o noso 15 aniversario con saúde e novos proxectos. Será a primeira oportunidade de facervos fisicamente con este disco. Contén 4 temas e o videoclip “Lévame” que adiantamos hai uns días. Insistimos, é unha EDICIÓN LIMITADA feita con todo o noso cariño e que poderedes mercar, ademais do 16 no Auriense, nos próximos concertos primavera/verán ata que se esgote. Recordamos tamén que os anteriores traballos de Guezos viaxan con nós a todos os concertos e desde hai xa unha boa tempada están tamén nas principais plataformas dixitais.
Este é un EP 100% GUEZOS. Foi gravado e misturado en Xilgaro Estudio de Grabación co noso guitarrista David Quintas e masterizado Dr.Chou, o noso técnico de son. Avisamos de que os 100 primeiros conteñen unha sorpresiña adicional no seu interior.

Grazas a todos os que facedes posible que Guezos continúe o seu Longo Camiño.

O noso primeiro videoclip!

Estamos encantados de anunciarvos que o vindeiro 16 de maio na sala Auriense presentaremos o noso novo EP “Un Longo Camiño”.
No CD, ademais de catro temas gravados por David Quintas en Xílgaro Estudios e masterizados por Dr. Chou, poderedes disfrutar en HD deste fermoso vídeo que realizou Aitor Uve no Renque.
Esperamos que vos guste tanto como a nós.

Presentamos “O Histérico Latexo”

Espero que esteades todos preparados, entrada en man e coas orellas despexadas, para o que vos agarda esta fin de semana, porque despois de moito traballo e dunha longa, longa espera… XA TEMOS NOVO DISCO!!!

O noso pulso vai histérico de impaciencia e emoción porque queremos amosárvolo xa! Por iso, este sábado día 14 estaremos no Teatro Principal preparados para presentarvos “O Histérico Latexo”. Un espectáculo presentado polo actor Carlos Blanco, e no que ademais dos novos temas agárdavos máis dunha sorpresa.

Para conseguir unha entrada antes de que se esgoten (que o Teatro é Pequechiño), podedes pasarvos por Peggy Records, Grándola, Livraría Torga ou no Auriense.

Deica!