2ª lesión da tempada

Dende logo, non é un bo momento para o sector gaiteiril. Se hai un par de meses tiñamos noticia de que unha lesión de nocello ía manter apartado da escea varias semanas ao ilustre gaiteiro Xabier Mortadelo, agora vemos como esta vez é Modesto a vítima dunha nova lesión, unha rotura de radio que nos privará nos próximos días de escoitar as melodías que el ben sabe ceibar do fol dunha gaita.

Para un gaiteiro de élite os obrigados paróns a consecuencia dunha lesión son duros. Insoportables mentres duran. Igual que Morta, Modesto é un loitador nato. Quere tocar. Morre por volver a tocar unha gaita. Pero de momento a súa misión é agardar.

“É moi difícil ir ver os concertos porque me dan ganas de axudar ós meus compañeiros dunha maneira moi directa“, autoconvéncese o gaiteiro, que asume o seu novo rol: “ter paciencia”.

Modesto non esquece o seu compromiso coa banda e afirma que polo de agora “o único que podo facer é axudar na parte creativa”.

Segundo o equipo médico que o está tratando, a súa reincorporación terá que agardar unhas semanas. Desde aquí desexámos que ese “unhas” sexan dúas namais e que volva a acompañarnos no directo canto antes.

Compartir

12 de Febreiro. Guezos na Sala Auriense.

Acabamos de saír do estudio de gravación e xa voltamos ós escearios.

Desta vez, e de xeito especial, faremos un concerto curto en duración pero seguro que moi intenso.

Estaremos apoiando a causa de GALIZA NON SE VENDE, plataforma que trata de defender os ecosistemas litorais de Galicia, entre outras moitas actuacións de carácter ecoloxista. É interesante que lle botedes unha ollada á páxina deste colectivo.

Por outra banda, hoxe, preto das 7 e media, na cadea SER de Ourense, o noso compañeiro e amigo Ico (O Sonoro Maxín) entrevistará a un membro do grupo para comentar as novas que rodean a Guezos: novo disco, xira de presentación, etc.

Video-Entrevista en Nsaio.org

Guezos: “Esta iniciativa está moi ben, sobre todo para os grupos que comezan”

10/11/2008

O grupo ourensán cumpre neste 2008 o seu noveno ano como conxunto, ofrecendo unha proposta moi persoal de música folk. Nsaio estivo con eles no Castañazo’08 celebrado en Maceda o primeiro fin de semana de novembro.

Os membros de Guezos falaron do “importante” que foi para eles participar na edición de Nsaio no Camiño, celebrada no 2007.

Lamentáronse de que aínda non exista ningún local na cidade de Ourense, máis aínda así recoñeceron “a importancia que este movemento está a ter, sobre todo para os grupos que comezan” na música.

Os membros de Guezos tamén se aventuraron a contribuír no crecemento de Nsaio, facendo unha recomendación baseada no seu caso particular. Así, reclamaron unha mellora dos medios “para que os grupos con moitos membros, coma nós, podan ensaiar ben”.

Outro aspecto que valoraron de forma positiva foi a posibilidade de promoción que estas iniciativas supoñen para os grupos.

Enlace ó vídeo.