Oito Destinos xa dispoñible en tendas!

Se non nos vistes estes últimos días será porque andivemos por aí tomando o sol e mollando os pés no Atlántico ou en calquera río máis fresquiño que as augas da nosa sulfurosa Chavasqueira.

O caso é que agora que voltamos destas vacacións vemos como os nosos pequenos, que hai dúas semanas estaban preparados para abandonar o fogar e espallarse coma a gripe por estas terras galegas, marcharon xa ós seus destinos e alí están agardando a que algún de vós os leve á casa.

Como ben sabemos, moitos aínda non vos puidestes facer con un deles, así que aquí vos deixamos unha lista dos puntos de venta onde xa podedes atopar o noso último traballo “Oito Destinos” polo mesmo prezo de sempre, 10 euriños.

OURENSE | La Región · Peggy Records · Livraría Torga
ALLARIZ | A Tulla
VERÍN | Zinemusik
MELIDE | Muxica Tenda Xoven
LUGO | Don Disco · Discos Cede

E próximamente tamén en Carballiño, Xinzo da Limia, O Barco de Valdeorras, Cacabelos (León), Monforte de Lemos, etc.

En Agosto…

En agosto, nin viño, nin muller, nin mosto” reza un dito galego supoñemos que moi antigo, porque bastaría un pequeno paseo polas vilas, aldeas e cidades galegas, para que as sabias xentes que crearon este refrán se retractaran nun abrir e pechar de ollos. Será por mulleres e viño… há! Eso sí, mosto vese ben pouco.

E diredes, que ten que ver esto con Guezos? Boa pregunta.

Resulta que despois de descansar, a medias, en xullo, voltamos agora en agosto para tocar en festas nas que non abonda nada o mosto, aquí vos deixamos unha pequena escolma que se irá actualizando na sección “Concertos” segundo nos vaian confirmando datas.

Saúdos.

  • 1 de agosto 2009 Concerto en Catoira, Pontevedra
  • 7 de agosto 2009 Concerto na Festa dos Botes, Arzúa, A Coruña.
  • 8 de agosto 2009 Concerto en Porriño, Pontevedra

E UNHA DATA MÁIS!

  • 15 de agosto 2009 Concerto en A Barrela, Lugo.

Oito Destinos no forno.

Xa vos podemos adiantar que o novo disco de Guezos “Oito Destinos” vai camiño da fábrica. Esperamos que para finais deste mes ou comezos de abril esté xa dispoñible para todos vós. Desde aquí anunciaremos todas as novas relacionadas co tema.

De momento, coma adianto, deixámosvos o título das cancións que figuran no disco:

  • Guezada
  • A Esmorga
  • Acción – Reacción
  • Identidade
  • Todo Perfecto
  • Vals do Regueiro
  • Amodo
  • Terradentro (vers. 2009)

12 de Febreiro. Guezos na Sala Auriense.

Acabamos de saír do estudio de gravación e xa voltamos ós escearios.

Desta vez, e de xeito especial, faremos un concerto curto en duración pero seguro que moi intenso.

Estaremos apoiando a causa de GALIZA NON SE VENDE, plataforma que trata de defender os ecosistemas litorais de Galicia, entre outras moitas actuacións de carácter ecoloxista. É interesante que lle botedes unha ollada á páxina deste colectivo.

Por outra banda, hoxe, preto das 7 e media, na cadea SER de Ourense, o noso compañeiro e amigo Ico (O Sonoro Maxín) entrevistará a un membro do grupo para comentar as novas que rodean a Guezos: novo disco, xira de presentación, etc.

Video-Entrevista en Nsaio.org

Guezos: “Esta iniciativa está moi ben, sobre todo para os grupos que comezan”

10/11/2008

O grupo ourensán cumpre neste 2008 o seu noveno ano como conxunto, ofrecendo unha proposta moi persoal de música folk. Nsaio estivo con eles no Castañazo’08 celebrado en Maceda o primeiro fin de semana de novembro.

Os membros de Guezos falaron do “importante” que foi para eles participar na edición de Nsaio no Camiño, celebrada no 2007.

Lamentáronse de que aínda non exista ningún local na cidade de Ourense, máis aínda así recoñeceron “a importancia que este movemento está a ter, sobre todo para os grupos que comezan” na música.

Os membros de Guezos tamén se aventuraron a contribuír no crecemento de Nsaio, facendo unha recomendación baseada no seu caso particular. Así, reclamaron unha mellora dos medios “para que os grupos con moitos membros, coma nós, podan ensaiar ben”.

Outro aspecto que valoraron de forma positiva foi a posibilidade de promoción que estas iniciativas supoñen para os grupos.

Enlace ó vídeo.